u/Lumpy_Quantity5971

▲ 17 r/Galiza

Ventilar a dor

Ela acaba de enviar un correo, un anaco da súa alma condensada en palabras que pesan máis que o chumbo. Ao outro lado da pantalla, o silencio vese interrompido polo leve son da notificación, que Manoel agarda. El é quen recibe esas confesións, a testemuña que axuda a soster o peso de recordos que non lle pertencen, pero que entende como propios.

​Manoel le as palabras no seu correo e sente o frío dese cuarto na súa propia pel. "Xa lin o texto que mandaches". E unha vez lido, ​déixase caer relaxado no sofá. Sente un respecto profundo por esa muller que hoxe lle confía o seu pasado. Escribe, con coidado, sabendo que as súas palabras deben ser agora o vento que ela tanto necesita.

El sabe que as imaxes que ela describiu, esas paredes negras pola humidade, non son só arquitectura, senón losas na súa memoria.

​Coa paciencia do que sabe que as feridas da alma non pechan cunha simple tirita, Manoel respóndelle con firmeza e tenrura:

​"Penso que tes que abrir as fiestras de par en par para que o vento atravese ese espazo, ese cuarto no que aínda sofres… "

​Ela le a mensaxe de Manoel e suspira. Durante tempo pensou que abrir as ventás era para poder respirar, pero agora entende o que el quere dicir. Non abonda con deixar entrar o aire; hai que deixar que o vento leve o arrecendo a mofo e a tristeza acumulada.

Ela lendo as súas palabras de acougo, recorda véndose nesa habitación onde na mente dela, o tempo non corre, senón que se estanca. Vese a si mesma sendo nena, atrapada nese cuarto frío onde a humidade non era só unha mancha no teito, senón un sentimento. Recorda aquel cuarto de paredes negras que pintaba cada verán, nun intento inútil de borrar o rastro da dor. Pero a dor, teimuda, filtrábase de novo, aferrándose ao ladrillo.

​Alí estaba ela, deitada sobre a manta dunha cama perfectamente feita, fuxindo do mundo, metendo a cabeza baixo dun coxín. O único fío que a mantiña conectada á cordura era un casete enchufado á corrente. O xiro constante da cinta era o seu mantra. A través duns auriculares de diadema de cor laranxa, a música de Los Secretos resoaba a todo volume, creando un muro de son que impedía a entrada de calquera pensamento. Alí, nesa burbulla de melodías tristes pero protectoras, deixábase adormecer para non ter que sentir as catro paredes que a rodeaban.

​A muller adulta mira as súas mans e logo a pantalla. A nena do casete e os auriculares laranxas segue alí, pero hoxe, grazas a ese intercambio de mensaxes, a fiestra está un pouco máis aberta. O vento comeza, por fin, a mover as cortinas dese cuarto que xa non ten por que ser unha condena.

reddit.com
u/Lumpy_Quantity5971 — 12 days ago